A cooperativa

Educultoras, s. coop. galega é unha cooperativa de traballo asociado do eido educativo e cultural, integrada por profesionais cunha ampla experiencia no sector. Somos pedagogas, mestras e educadoras sociais que decidimos emprender este proxecto para poder desempeñar o traballo ao noso xeito, salvando as carencias existentes e centrándonos nas persoas.

Durante os nosos anos de experiencia laboral acadamos un gran desenvolvemento e madurez profesional de carácter individual. Non obstante, neste tempo constatamos que a sinerxia froito da colaboración e axuda mutua sempre supera a suma dos logros individuais. Por iso, recoñecendo en cada unha de nós habilidades e capacidades singulares e sen perder de vista o que nos queda por aprender, decidimos crear un espazo que nos permitise camiñar xuntas, en equipo, cara ao logro das nosas aspiracións persoais e profesionais.

O noso símbolo, un nó celta, representa esta filosofía de traballo. Ademais, tamén reflicte os alicerces que sustentan o modelo empresarial que dá forma a este espazo: o modelo cooperativo. Estes valores son a axuda mutua, a responsabilidade individual e social, a participación, a igualdade, a equidade, a transparencia e a solidariedade que orientan, xa que logo, o funcionamento e a xestión do noso proxecto empresarial.

Deste xeito tamén recollemos e asumimos os principios cooperativos formulados pola Alianza Cooperativa Internacional:

  • Adhesión voluntaria.
  • Xestión democrática.
  • Participación económica.
  • Interese pola comunidade.
  • Cooperación entre cooperativas.
  • Educación, formación e información.
  • Autonomía e independencia.

Educultoras somos, polo tanto, unha cooperativa do sector educativo e cultural, dirixida a todas as idades e sustentada en valores democráticos, de axuda mutua e de interese pola comunidade da que formamos parte.

ec02-portada-presentacion