Principios de intervención

O noso traballo ten como finalidade fundamental a formación integral da persoa, cultivando tanto os aspectos psicomotrices e académicos como emocionais e sociais.

O deseño e a aplicación das nosas propostas apóianse nun conxunto de ideas que extraemos das principais correntes pedagóxicas (tanto das actuais como das clásicas) e dos autores e autoras que consideramos referencia no ámbito socioeducativo. Estas ideas e principios interrelaciónanse estreitamente e permitíronnos construír unha filosofía de traballo propia e específica, que é a que orienta a nosa práctica diaria e que, ademais, é coherente co modelo empresarial que escollemos. Estes principios son os seguintes:

  • Aprendizaxe ao longo da vida. É dicir, situar a aprendizaxe máis alá dun contexto determinado (institucións educativas) e dun período específico da vida (a infancia e xuventude). O Informe Delors (1996) xa situaba esta aprendizaxe como o “latexo” dunha sociedade na que todo o mundo pode aprender en calquera lugar, en calquera momento e dunha maneira libre, flexible e construtiva.

Print

  • A persoa como centro do proceso socioeducativo. Tal e como sinalaba a Escola Nova, os nenos e nenas son os protagonistas da súa aprendizaxe. Tamén o son os adultos/as e por iso deseñamos actividades para ambos os dous grupos orientadas a descubrir, expresar e crear en función das propias motivacións, intereses, gustos e capacidades. A teoría das intelixencias múltiples de Gardner constitúe unha referente importante para conseguir este obxectivo.
  • Fomento da autonomía persoal e da toma de decisións. Porque outorgan a responsabilidade sobre a propia vida e tamén posibilitan a responsabilidade social, ao configurar cidadanía crítica que pode decidir en base ao benestar propio e colectivo.
  • Desenvolvemento das habilidades sociais. Consideramos imprescindible o traballo de habilidades como a empatía, a asertividade, a comunicación ou a resolucións de conflitos xa que permiten construír un contorno social xestionado democraticamente e caracterizado por unha convivencia máis sa, positiva e pacífica.
  • Importancia da educación emocional. Descubrir, coñecer e regular as emocións permite establecer relacións saudables cos demais, con nós mesmos e tamén co contorno. No ano 1995 Goleman propuxo o concepto de intelixencia emocional, cuxo desenvolvemento adquire un carácter prioritario na formulación das nosas propostas.
  • Uso de estratexias de traballo cooperativo.  Este traballo precisa do diálogo e do consenso entre todos e todas as participantes da actividade para conseguir un obxectivo común. A interdepencia positiva aumenta a autoestima, a motivación e mellora as relacións grupais.
  • Aprendizaxe baseada en experiencias prácticas. Seguindo a teoría do “aprender facendo”, propoñemos dinámicas prácticas e activas que implican vivenciar, actuar e reflexionar sobre determinados aspectos. Isto permite ademais incluír o movemento e o corpo como medios de aprendizaxe e expresión.
  • Fomento da creatividade, da expresión artística e do xogo. Cremos que a sociedade precisa persoas capaces de imaxinar e construír novas preguntas e novas respostas (múltiples, variadas) aos problemas presentes e futuros. Para iso é imprescindible crear condicións e espazos que fomenten de maneira satisfactoria para os usuarios/as a creatividade, por exemplo, a través da artes plásticas, audiovisuais ou do xogo.
  •  Coeducación. A consecución da igualdade e a equidade entre homes e mulleres é un obxectivo ineludible da nosa época e calquera acción educativa ou de ocio pode contribuír a conseguilo. Por iso, a coeducación é un valor transversal en todas as nosas propostas e actividades.
  • Respecto e coñecemento da contorna natural. Incluímos o fomento dun uso responsable dos recursos e do contacto coa natureza como un espazo esencial para o desenvolvemento das persoas e a creación dunha conciencia de coidado e respecto polo planeta.

arbore