Servizos de conciliación familiar

A conciliación da vida familiar e laboral adopta nestes tempos un cariz fundamental para a vida diaria de moitas familias con cativos e cativas. Dende Educultoras, s.coop.galega contribuímos á dita causa, ofrecéndolles ás administracións públicas ou demais organizacións de ámbito público ou privado proxectos educativos de calidade para poñer en marcha en períodos de vacacións, fins de semana ou polas tardes despois do horario escolar.

Todos os nosos proxectos son personalizados, co obxectivo de adaptarnos sempre ao contexto real no que se leven a cabo. Queremos que estes momentos de lecer tamén sexan de aprendizaxe; por iso, defendemos o xogo como medio pedagóxico e a creatividade como a máxima expresión da personalidade de cada neno ou nena. Ademais, eliximos temáticas atractivas que se cristalizan en actividades creativas, motivadoras e divertidas.

Todos os proxectos deseñados para servizos de conciliación familiar inclúen de xeito transversal os nosos principios de intervención, cunha intención claramente transformadora. Así, a educación na igualdade entre mulleres e homes ou o respecto polo medio natural constitúen parte esencial destes proxectos. Entendemos tamén que os cativos e cativas son o centro do proceso socioeducativo, polo que situamos nun lugar privilexiado a autonomía persoal, a xestión e regulación das emocións e a toma de decisións consciente. Por último, o traballo cooperativo e o desenvolvemento das habilidades sociais para unha convivencia impregnan a nosa concepción dos servizos de conciliación familiar.

 

 

JUEGOS-TRADICIONALES